Thursday 02 de May de 2024

Aberta á cidadanía a mostra ‘Incredigirls’, que percorre a última década de traballos da artista Chelo Matesanz


A exposición, promovida polo Concello, recolle medio cento de pezas de Matesanz, algunhas delas inéditas, e que reflexionan sobre os conceptos de muller e feminidade. Poderá visitarse no Palexco ata o 20 de novembro

A Sala Municipal de Exposicións do Palexco acolleu esta tarde o acto de presentación da mostra ‘Incredigirls’, unha exposición que recolle a obra da artista Chelo Matesanz centrada, especialmente, na súa última década de traballos e achegaralle á cidadanía medio cento de pezas, algunhas delas inéditas, coas que a creadora reflexiona sobre a muller e a feminidade a través da arte.

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, asistiu esta tarde á posta en marcha da mostra, promovida polo Concello, e valorou a proposta de Chelo Matesanz, “que xoga coa pintura e o debuxo, coa cerámica e con técnicas como a colaxe, recuperando elementos cotiáns da súa vida persoal para crear novas pezas”. Neste sentido, Díaz Gallego subliñou o compromiso do Goberno de Inés Rey “coa difusión e divulgación artística, porque a memoria é a única forma de manter viva a historia e a arte”.

No acto de presentación da mostra, que tivo lugar este xoves ás 19.00 horas, no Palexco, tomaron parte a propia Chelo Matesanz e Ángel Cerviño, comisario da exposición. A forma de crear desta artista, “especial e propia”, como describiu Díaz Gallego, tamén cobrará vida en forma de catálogo, coa recollida de textos e reflexións sobre a súa obra escritas por Cerviño, Marta Mantecón e Luis Francisco Pérez, así como pola propia autora.

‘Incredigirls’ pode visitarse ata o vindeiro día 20 de novembro, en horario de mañá (de 12.00 a 14.00 h) e de tarde (de 18.00 a 21.00 h), todos os días da semana.